Antonio Guillán Hermo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1900 O Xobre, España |
Morte | 1985 (84/85 anos) Pontevedra, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | mestre , poeta |
Antonio Guillán Hermo, nado no Xobre (A Pobra do Caramiñal) en 1900 e finado en Pontevedra en 1985, foi un mestre e poeta galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Fillo do mestre Antonio Guillán Pazos, naceu na parroquia do Xobre. Cursou estudos de maxisterio e logo de superar as oposicións a mestre casou con María Fajardo Silva, tamén mestra, exercendo ámbolos dous a docencia en distintos colexios de Galicia. A maior parte da súa vida transcorreu entre Vilalonga (Sanxenxo), Vigo e Pontevedra, onde residiu coa súa familia ata a súa morte en 1985.
A pesar de non militar en partido político ningún, co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, cando era mestre en Sárdoma, foi represaliado e perdeu o seu posto de traballo, que conseguiu recuperar máis tarde. Debido aos seus problemas de visión, obtivo unha praza de mestre no Colexio da ONCE en Pontevedra, onde exerceu a docencia até a súa xubilación. Foi a partir desas datas cando puido recompilar e rematar a súa obra, que verá a luz en dúas publicacións consecutivas: Xuncos e O libro dos soños.
Foi un grande estudoso e coñecedor das letras galegas, profundo admirador da obra de Curros e de Pondal, polos que sentía un respecto reverencial. Esa influencia apréciase tanto nos temas da súa poesía como na forma e métrica dos seus versos. Colaborou en Mundo Gallego.
Os seus temas, a maioría deles profundamente galegos, denotan o amor pola súa terra e un fino sentido humorístico.
A súa derradeira obra publicada, O libro dos soños conta coa colaboración de famosos pintores galegos coma Manuel Aramburu, Manuel Pesqueira, Xulio Maside ou Manuel Torres.[1]
Obra[editar | editar a fonte]
- Xuncos, 1979 (poemario).
- O libro dos soños, 1984 (poemario).
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "Un poeta nado no Xobre e esquecido na súa vila" / Pastor Rodríguez. La Voz de Galicia, Barbanza, 29-1-2010, L.8.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Antonio Guillán Hermo na páxina web Nomes e Voces.