Saltar ao contido

Batalla de Guadalete

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A batalla de Guadalete (en árabe clásico: معركة وادي لكة) foi un enfrontamento armado entre tropas visigodas ao mando do seu rei, Rodrigo, e un continxente musulmán liderado por Tariq ibn Ziyad, enviado de Musa ibn Nusayr, gobernador da provincia de Ifriqiya.

A batalla aconteceu no 711 e deu comezo á invasión musulmá da Península Ibérica. Aínda que supuxo un revés moi importante para o reino visigodo, este non colapsou de inmediato. As tropas musulmás necesitaron toda a década para controlar os seus territorios.

O lugar en que se celebrou a batalla é descoñecido, aínda que todo apunta ao sur da actual provincia de Cádiz. Tamén é incerta a data, se ben a maior parte das fontes falan da segunda quincena de xullo.

A partir de crónicas árabes dos séculos X e XI,[1] afirmouse o enfrontamento entre o exército visigodo, comandado por derradeiro rei, Don Rodrigo, e un exército musulmán procedente do norte de África e que entrou na Península grazas ós partidarios de Vitiza, o anterior rei, que preferían que accedese o trono o fillo deste, Akhila, e que estivo comandado por Tariq ibn Ziyad, ás ordes co califato omeia de Damasco.

Como consecuencia da batalla, o rei Don Rodrigo foi morto, rematou o reino visigodo, e comezou a invasión musulmá da Península Ibérica. Anos despois, no 722, a Batalla de Covadonga daría comezo á Reconquista.

Denominación e localización[editar | editar a fonte]

A pesar do seu nome, a localización da batalla na ribeira do Guadalete é moi improbábel. Este río atópase a máis de tres días de marcha de Gibraltar, onde Tariq estabelecera o seu campamento. A identificación do lugar da batalla con este río fíxose en base ás fontes musulmáns que falan da batalla do wadi lakka (río da Lagoa, en tradución literal). O soporte que o medievalista Claudio Sánchez Albornoz deu a esta hipótese fixo que a denominación se popularizase nos libros de texto.

Fixéronse moitas outras propostas de localización da batalla, case todas elas na contorna da baía de Algeciras, como a ribeira do río Barbate, o río Salado de Conil, nas proximidades de Tarifa, ou o río Guadarranque, no Campo de Gibraltar[2]. No 2023 unha equipa comandada por José Soto Chica, profesor da universidade de Granada, propuxo a súa localización na zona onde o río Almodóvar regaba a lagoa de La Janda, hoxe desecada[3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Galisteo, Roger (2012). Otra historia de Córdoba. Bubock Publishing. p. 111. ISBN 978-84-686-2707-6. 
  2. Beneroso Santos, José (2020). "Debate historiográfico e interpretativo en cuanto al enfrentamiento entre Tariq y Rodrigo. La batalla del río Guadarranque (y II)". Almoraima. Revista de Estudios Campogibraltareños. (53): 19–26. 
  3. "Nunca fue en Guadalete. La correcta ubicación y reconstrucción de la batalla de los montes Transductinos". 26/10/2023. Consultado o 24/6/2024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre historia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.