No primeiro encontro do campionato xogado en Coia entre o Celta de Vigo e o Unión Sporting, no que gañaron os unionistas por 1-5, producíronse dúas aliñacións irregulares. Dunha parte, o futbolista José Villaverde, do Unión Sporting, non contaba coa ficha que o acreditaba como xogador profesional.[6] Doutra parte, Manuel Díaz, do Celta, contaba cunha ficha de xogador afeccionado, cando estaba obrigado a tela de profesional debido a que xa xogara a tempada anterior en condición de profesional no Deportivo Español de Vigo, club do que procedía.[6] Despois dunha protesta do Celta, reuniuse o Comité da Federación Galega de Fútbol e determinou cos votos a favor do Celta, do Eiriña e mais do Racing de Ferrol que os puntos en disputa fosen outorgados ó Celta.[6] Porén, a principios de decembro chegou á Real Federación Española de Fútbol un escrito co voto particular do presidente da FGF no que se solicitaba que os puntos non fosen outorgados a ningún dos dous equipos, posto que ámbolos clubs incorreran na mesma falta.[6] A RFEF decidiu que se considerase válido o resultado que se acadara inicialmente no terreo de xogo e castigou o Unión Sporting con 500 pesetas de multa por se prestar a unha combinación en prexuízo da deportividade.[2][3] A resolución, que se fixo pública en xaneiro de 1928, alterou a clasificación final do campionato, proclamándose campión o Deportivo en troques do Celta, que foi subcampión,[2][3] e afectando tamén á zona baixa, onde pasou o Unión Sporting á penúltima posición e rematou de pechacancelas o Emden FC.[3]