José Rodríguez Faílde
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1887 Carracedo, España |
Morte | 1958 (70/71 anos) Os Peares, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | escritor , xornalista , político |
José Rodríguez Faílde, nado en Carracedo (A Peroxa) en 1887 e finado nos Peares en 1958.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Emigrou a Cuba onde traballou como xornalista e foi propietario da revista El Industrial (1912) e colaborou en Galicia, La Patria Gallega. Retornou a Galicia en 1917,[1] desde onde enviou colaboracións para Eco de Galicia e O Tio Marcos d'a Portela e o ano seguinte crónicas para a revista Galicia. En maio de 1918 foi elixido presidente da Sociedad de Agricultores de Carracedo.[2] Volveu marchar a Cuba en 1920,[3] e colaborou en Eco de Galicia, Heraldo de Galicia (onde publicou un poema en galego) e España Nueva. Foi secretario da sociedade Naturales de la Peroja da Habana.[4] Retornou definitivamente a mediados dos anos vinte e instalouse en Ourense, foi dono dun quiosque-libraría que non vendía prensa de dereitas. Colaborou en La Región[5] e La Zarpa. Na República militou no Partido Republicano Radical Socialista, do que foi elixido bibliotecario da xunta executiva de Ourense que presidía Jacinto Santiago en xaneiro de 1933.[6] Coa folga xeral revolucionaria de 1934 foi detido o 8 de outubro "por berros subversivos"[7] e instruíuselle unha información militar que foi sobresida, polo que saíu en liberdade o 20 dese mes. Simpatizante de Azaña, afiliouse a Izquierda Republicana.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 uns falanxistas queimáronlle o quiosque e deixaron as cinzas na porta da súa casa. Agochouse, pero foi detido en Carracedo o 13 de xaneiro de 1937, acusado de "significado comunista y elemento de enlace del Socorro Rojo Internacional". Xulgado en Ourense con Vicente Bouso Cuñado, Antonio Bouso Iglesias e Pilar Rodríguez Faílde, foi condenado a prisión. Ingresou en prisión o 27 de xaneiro e abríronlle expediente de incautación de bens en febreiro.[8] Pasou polas cadeas de Celanova, Cumial, Oseira, Valladolid e Padrón. Saíu en liberdade provisional en 1941. Ofrecéronlle un posto como quiosqueiro na Rúa do Paseo pero negouse a vender a prensa da época. Traballou como contable nunha fábrica no barrio da Ponte, contraeu o tifo e deixou o posto. Exerceu de mestre en Carracedo durante un ano e outro en Mirallos, pero foi denunciado e tivo que abandonar o seu posto de traballo. Enfermo e incapacitado para traballar a terra, morreu aos 71 anos. Foi soterrado no cemiterio de Casdavil.
Obras[editar | editar a fonte]
- Armonías, A Habana, 1921.
Vida persoal[editar | editar a fonte]
Foi pai de América e Josefa Rodríguez Toral.