Saltar ao contido

Portal:Lugo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lugo é unha cidade galega, capital da provincia de Lugo e da comarca homónima. Fundada no ano 25 a.C. por Paulo Fabio Máximo, é unha cidade de orixe romana e a máis antiga de Galicia. Construída nas proximidades dun castro, na época romana recibiu o nome de Lucus Augusti. Son testemuña dos seus primeiros anos de historia os numerosos restos romanos, moitos deles conservados no Museo Provincial, e sobre todo a Muralla Romana, única no mundo que conserva todo o seu perímetro e declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.

Ao longo da súa historia ocorreron tanto épocas de abandono como importantes momentos na historia do país, dende a xuntanza no ano 842 dun grande exército galego para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I como primeiro rei da dinastía galega, ata o pronunciamento do Coronel Miguel Solís, que daría comezo á Revolución Galega de 1846.

Xeograficamente, a cidade atópase situada nun outeiro, nas terras do Alto Miño, e circundada polo propio río Miño, ademais doutros máis pequenos como o Mera. O concello, incluído na Reserva da Biosfera "Terras do Miño", é o segundo máis extenso de Galicia, e no que no ano 2014 habitaban 98.560 persoas, o que supón que sexa o cuarto de Galicia en poboación despois de Vigo, A Coruña e Ourense.

O xentilicio dos habitantes de Lugo é lucense ou tamén lugués. Lugo é unha cidade comercial e de servizos, cun campus universitario especializado en Ciencias Agrarias (Veterinaria, Montes...). Destacan tamén as populosas festas realizadas na cidade como o Arde Lucus, que relembra o pasado romano e castrexo da cidade, e o San Froilán, que cada ano atrae á cidade do 4 ao 12 de outubro a máis dun millón de visitantes.

Artigo destacado

editar

O Club Baloncesto Breogán S.A.D., coñecido por motivos de patrocinio como Cafés Candelas Breogán, é un club de baloncesto profesional da cidade de Lugo (Galicia). Fundado en 1966 polos irmáns Varela Portas e Prado, ascendeu por primeira vez á máxima categoría en 1970, converténdose nun dos equipos máis importantes da historia do baloncesto estatal, ocupando a novena posición na clasificación histórica de clubs. Con participacións en competicións europeas, milita na segunda categoría, a Liga LEB.

Os seus xogadores visten un uniforme que consiste nunha camiseta cor celeste cun pantalón da mesma cor, aínda que nalgunhas tempadas este foi branco ou azul mariño. A súa pista de xogo, despois de trasladarse dende o Pavillón Municipal, é o Pazo dos Deportes, tamén sede oficial do club, que conta con capacidade para 7.500 espectadores, estando entre as dez canchas europeas con mellor media de asistencia. O seu actual presidente é Antonio Veiga. O club tamén dispón dun filial na liga EBA, o Club Estudiantes, contando ademais con múltiples equipos que xuntan a rapaces de tódalas idades, formando unha das mellores canteiras do Estado.

Lugar de interese

editar

A muralla de Lugo é unha fortificación que data do Imperio Romano situada na cidade de Lugo, en Galicia, sendo a única muralla destas características que se conserva no mundo. Comezou a súa construción probablemente contra o ano 260, ao medrar a importancia de Lucus Augusti como centro de comunicacións e comercial do norte peninsular. A devandita construción delongouse ata a época de Constantino, rematando sobre o ano 325. Moitos séculos máis tarde, xa no século XX, concretamente en 1921, quedou catalogada como Monumento Nacional, e case oitenta anos máis tarde, o 30 de novembro de 2000, a UNESCO declarouna Patrimonio da Humanidade.

O perímetro da muralla, que forma unha elipse imperfecta, é de 2.266 metros e a súa altura varía entre os 8 e os 12 metros, sendo unha das fortificacións máis grandes do seu tempo. A área que circunscribe é de 33,4 hectáreas. En orixe tiña 85 torres, das que se conservan 71 (sesenta de planta circular e once de planta cuadrangular), e a súa función era defensiva. Inicialmente a muralla tiña cinco portas, mais posteriormente abríronse outras cinco.

O 6 de outubro de 2007, a Muralla irmandouse coa Gran Muralla Chinesa, nunha cerimonia presidida polo alcalde de Lugo Xosé Clemente López Orozco e o embaixador chinés Qui Xiaoqi.

Imaxe destacada
Biografía destacada

editar

Xulia Minguillón Iglesias, nada en Lugo o 17 de xullo de 1906 e finada en Madrid o 22 de agosto de 1965, foi unha pintora galega de renome.

Está intimamente ligada aos movementos artísticos da vangarda en Galiza. A súa primeira achega artística ten lugar en 1933. Ten no seu haber a Medalla das Belas Artes pola súa pintura Escola de Doloriñas, outorgada polo Estado Español. A pintura está exposta ao público no Museo provincial de Lugo.

As cidades de Lugo, A Coruña e Vigo teñen senllas rúas co seu nome.

Sabías que...?

editar

San Froilán


Artigos de calidade e bos

editar

Artigos de calidade (2)

Artigos bos (0)


Portais relacionados

editar

Galicia
Galicia

Galicia

A Coruña
A Coruña

A Coruña

Ferrol
Ferrol

Ferrol

Ourense
Ourense

Ourense

Pontevedra
Pontevedra

Pontevedra

Santiago de Compostela
Santiago de Compostela

Santiago de Compostela

Vigo
Vigo

Vigo

Proyectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario